Xixón acolle unha charla sobre o uso de fungos e microalgas para mellorar o benestar animal

20/02/2023

Dende o Grupo Operativo MICOALGA-FEED, no que participamos, organizamos o vindeiro xoves 9 de febreiro en Xixón, unha xornada técnica presencial que inclúe unha visita demostrativa a Neoalgae, empresa participante no proxecto de innovación.

Iniciado en 2021 cunha duración de máis dous anos, o proxecto MICOALGA-FEED (“Redución de antibióticos en gandería mediante o desenvolvemento de pensos enriquecidos con fungos e microalgas”), está próximo a finalizar. No marco das actividades de peche do proxecto, organízase esta xornada técnica para dar a coñecer os principais resultados obtidos. A falta de que finalicen os últimos ensaios in vivo, os pensos desenvolvidos demostraron posuír capacidade inmunomoduladora e antiinflamatoria, potenciando a saúde do animal e reducindo o seu risco de enfermidade.

A xornada, coordinada por Neoalgae e FEUGA, e que conta coa participación do resto de socios (Hifas Veterinary, Grupo Uvesa e o Centro Tecnolóxico AINIA), servirá para dar a coñecer os principais resultados e conclusións extraídos nas diferentes actividades que se levaron a cabo. Ademais, como peche, realizarase unha visita guiada polas instalacións de Neoalgae, empresa participante no proxecto e cuxa actividade se centra na produción e procesamento de diferentes especies de microalgas. Esta visita permitirá descubrir, da man dos propios investigadores, os equipos de produción e procesamento, así como as metodoloxías empregadas. Tamén as numerosas aplicacións e beneficios das microalgas nunha infinidade de sectores.

Á xornada, que se celebra en Xixón, tamén se poderá asistir de maneira telemática. En calquera caso, a asistencia é totalmente gratuíta, previa inscrición. Máis información na web do proxecto MICOALGA-FEED:

https://micoalga-feed.es/micoalga-feed-organiza-una-jornada-tecnica-en-gijon-el-proximo-9-de-febrero/

  • Cando: Xoves 9 de febreiro de 2023
  • Onde: Edificio IMPULSA, Xixón, Asturias.
  • Modalidade: dual (presencial e online)

MICOALGA-FEED é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 523.259,66€, Subvención total: 505.519,66€.

GO MICOALGA-FEED é a entidade responsable do presente contido.