A tecnoloxía que recupera subproductos e augas residuais das conservas busca novos mercados da man de ANFACO- CECOPESCA e FEUGA

04/11/2021

Representantes da industria acompañarán a xornada de difusión do proxecto Conserval POCTEP, cuxa tecnoloxía transforma restos de peixe e augas residuais en produtos de alto valor engadido

As técnicas desenvolvidas para facer sostible o sector do mar comezan a abrirse paso no groso do sector agroalimentario. Coincidindo co adianto de resultados do proxecto europeo Conserval POCTEP, axentes crave da industria con presenza internacional debaterán sobre as aplicacións destas tecnoloxías o próximo 11 de novembro, nun evento organizado por ANFACO- CECOPESCA en colaboración con FEUGA, no seu labor de transferencia, internacionalización e explotación de resultados.

Baixo o título de ‘A transformación  ecoeficiente dos  subproductos e as augas da industria conserveira’, a xornada de difusión permitirá trasladar o modelo de economía circular de  Conserval aos sectores agrícola e alimentario, un enfoque innovador baseado na recuperación da materia prima que queda fóra das latas de conservas: desta forma, as augas residuais obteñen unha segunda vida en forma de ácidos graxos volátiles, compoñentes para biocombustibles e  bioplásticos; mentres que as cabezas de peixe, espiñas ou peles dan paso a aceites ricos en omega-3 e  hidrolizados  proteicos con propiedades saudables. O que antes era un problema ambiental, agora é unha nova fonte de ingresos.

A ocasión contará cunha ampla representación do consorcio Conserval, incluíndo o líder do proxecto, Cetaqua Galicia. En nome de  FEUGA, Noelia Vilar trasladará os fitos e posibilidades de transferencia e internacionalización, para logo dar paso á mesa de debate do sector agroalimentario, con Irene López,  project  manager de I+D en  Bolton  Foods; Elena García, responsable de Calidade e Medio Ambiente en Frinsa Noroeste; Jaume Lluis Tarteira, director de Métodos de Análises e Sistemas de Control de  Mahou San Miguel; Eduardo  Cotillas, Director de I+D+i da Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB); e Josefa de León, directora de competitividade estratéxica en  Agroamb  Prodalt.

A xornada, que se desenvolverá nun formato híbrido presencial e en liña o 11 de novembro, de 15.00 a 17.00 horas, está especialmente dirixida a centros de investigación, asociacións, consultores e cargos públicos. A información sobre a mesma, así como o formulario de inscrición, poden atoparse na web do proxecto Conserval.