O consorcio do proxecto SEE BRIDGE, no cal en FEUGA participamos activamente en varias tarefas, anunciou o lanzamento do seu Open Call, unha convocatoria aberta pioneira dirixida a Pemes e start-ups de economía social que operan en industrias de alto consumo enerxético e as súas cadeas de valor. Esta iniciativa está destinada a entidades afincadas en Estados membros da UE, países do Espazo Económico Europeo e países asociados.
O obxectivo principal desta convocatoria é ofrecer apoio financeiro e recursos para que estas empresas poidan transitar cara a operacións máis ecolóxicas e dixitais, incrementando a súa competitividade e impacto.
As entidades galegas que resulten elixidas poderán beneficiarse dunha serie de actividades financiables, tales como:
- Servizos de apoio ás empresas.
- Servizos de consultoría para activos de certificación ou etiquetaxe, incluíndo dereitos de propiedade intelectual e auditorías de emisións de carbono.
- Participación en eventos centrados na nova regulación CBAM e en cuestións relacionadas coa transición dixital e ecolóxica.
- Formación in-company sobre estas temáticas.
Os solicitantes seleccionados recibirán unha subvención de entre 4.000 e 8.000 euros para a realización das actividades propostas. Ademais do apoio financeiro aos solicitantes seleccionados, as entidades que respondesen á convocatoria aberta recibirán un programa de aceleración a medida centrado na xestión de proxectos, a creación de redes, o desenvolvemento de plans de negocio e a investigación de mercado para mellorar a eficiencia operativa e as prácticas sostibles, así como a oportunidade de entrar en contacto con expertos e profesionais participando en eventos SEE BRIDGE.
A presentación de propostas estará aberta desde o 1 de xullo ata o 1 de outubro (17:00 CET) e débese realizar en inglés a través da plataforma F6S, un dos socios do proxecto. O procedemento completo está descrito na páxina web do proxecto e na Guía para os Solicitantes. Para apoiar aínda máis aos solicitantes, organizaranse dous seminarios web públicos en liña con sesións de preguntas e respostas, onde os participantes poderán resolver as súas dúbidas sobre o proxecto SEE BRIDGE, a convocatoria aberta e o proceso de solicitude.
Todos os detalles sobre a convocatoria aberta SEE BRIDGE están dispoñibles no sitio web do proxecto. Podes seguir tamén as súas redes sociais: LinkedIn e Facebook, para obter máis información sobre o proxecto e a convocatoria.