Impulsamos o Infoday da IV Edición BFFood xunto a Clusaga

19/04/2022

Colaboramos na organización do Infoday da IV Edición do BFfood coa Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga), unha xornada informativa que terá lugar o próximo 3 de maio, de 10.00 a 12.00 horas, no noso salón de actos (Campus Vida, Santiago de Compostela).

Clusaga, en virtude de entidade dinamizadora da BFFood, e FEUGA, en virtude de membro do Comité Técnico e como entidade colaboradora da aceleradora, reunen neste encontro a autoridades e representantes da BFFood para ofrecer unha retrospectiva das súas edicións anteriores, dos programas que ofrece e dos recursos que pon ao alcance dos seus proxectos. Ademais, ofreceranse todos os detalles relativos á IV edición, cuxo prazo depresentación de proxectos mantense aberto ata o próximo 13 de maio. Programa da xornada Tras a benvida de representantes de Clusaga, XesGalicia e FEUGA, terá lugar a presentación dun informe de tendencias do sector AgriFood en 2022 a cargo da Fundación INTEC. A continuación, será a quenda dos representantes de dúas empresas mentoras da BFFood, CEAMSA e Hijos de Rivera, nunha mesa redonda titulada “BFFood. Retos e solucións para a alimentación do futuro” onde coñeceremos tamén dous casos de éxito de pasadas edicións, ODS Protein e Galinsect. As “Oportunidades para o crecemento e a valorización do coñecemento” serán os retos protagonistas do seguinte bloque do programa, no que participan representantes de BFFood, Feuga, XesGalicia e Unirisco.

O peche da xornada servirá para profundar nos detalles da IV Edición da aceleradora da man de representantes de Clusaga e GAIN e, para terminar, darase paso ao coffee networking.

IV Edición da BFFood
BFFood, a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga, mantén aberto o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da súa IV Edición ata o 13 de maio ás 14.00 horas. Poden presentarse a esta candidatura proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos do sector.

Os proxectos seleccionados optarán a programas de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a investimento, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.

Para a IV Edición seleccionaranse ata seis iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración. O programa de aceleración está enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean a desenvolver ou desenvolvesen un produto ou servizo mínimo viable e esbozado un modelo de negocio. O de consolidación, a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas.

Asiste á xornada

Para participar requírese inscrición previa a través deste formulario, que permanecerá aberto ata o 2 de maio ás 16.30 horas. Para dúbidas e consultas podes contactar con Clusaga a través do teléfono 981 55 60 62 ou do correo info@clusaga.org.