
O proxecto Galicia 2030, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pretende adaptar as titulacións e especialidades universitarias ás profesións do futuro para partir do ano 2021.
O proxecto Galicia 2030. Perfís profesionais de futuro, e novas titulacións e especialidades universitarias estudará as necesidades das titulacións das universitarias galegas que se implantarán a partir do 2021. O proxecto, impulsado pola Consellería de Educación e desenvolto pola Fundación Empresa-Universidade Galega ( FEUGA), foi presentado o mércores 4 de xullo no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura..
O acto, presidido polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, contou coa participación de Francisco Javier Pereiro Pérez, director xeral de FEUGA, así como a vicerreitora de titulacións da USC, María Vitoria Otero Espinar; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e representantes das universidades galegas e de empresas e agrupacións industriais, que discutiron sobre o emprego do futuro e os cambios tecnolóxicos, sociais e económicos que definirán a empregabilidade dos próximos anos.
Esta aposta polo emprego e a formación académica universitaria foi definida polo Conselleiro de Educación como unha “alianza estratéxica” entre a Administración, as Universidades e as empresas de Galicia que permita “formar aos mozos de hoxe para empregos que aínda non existen”, na que FEUGA cobra un papel fundamental.
Pereiro Pérez destacou a relevancia do plan, que pretende elaborar un catálogo de perfís profesionais de futuro e un conxunto de titulacións e especialidades acorde coas necesidades e competencias requiridas pola sociedade e o mercado laboral vindeiros. Este proxecto “ambicioso e integral” conta coa participación de máis de 600 expertos con perfís complementarios, que achegan os seus coñecementos e experiencias para analizar os sectores e tendencias que requirirán maior persoal e adecuar a formación académica e universitaria aos “cambios que trae a revolución tecnolóxica e que modifican a actividade empresarial”.
O encontro tamén contou coa intervención de Margarita Álvarez Pérez de Zabala, fundadora e directora xeral do Observatorio de Innovación no Emprego ( OIE), sobre os cambios que se están producindo e produciranse no tecido empresarial.
Warning: Undefined array key “id” in /var/www/html/wp-content/themes/feuga-2022/blocks/cabeceras/template.php on line 3