
A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) organiza o segundo evento de demostración do proxecto IPMWorks, centrado na redución de fitosanitarios en favor doutros métodos máis sostibles e respectuosos na xestión de pragas. O encontro, “ Feromonas e morcegos para combater a avelaíña do acio”, terá lugar nas Adegas Martín Códax, en Cambados, o 22 de abril ás 18:00 h, cunha duración total de hora e media. Conta coa colaboración das Adegas Martín Códax e de Enguera Adegas, que xa se benefician da conservación de morcegos nos seus viñedos para o control da avelaíña do acio da vide, axudados pola Universidade de Valencia.

O obxectivo do evento é aprender como combater a praga da avelaíña do acio, utilizando como aliado un dos maiores depredadores deste tipo de insectos: o morcego e as trampas de feromonas.
Combater pragas sen ter que recorrer a elementos químicos baseándose en depredadores naturais presenta múltiples beneficios como unha produción máis sostible e respectuosa co medio ambiente ou un aumento na calidade do produto ao evitar sometelo a fitosanitarios. A estratexia consiste na instalación de refuxios de morcegos que aumenten a poboación destes nos viñedos.
As feromonas úsanse para impedir que os machos deste insecto atopen ás femias, confundíndoos e evitando que as fecunden e introduzan os seus ovos nas uvas. Esta técnica permite que, sen produtos químicos, controlemos un problema que podería dar lugar á botrytis na vendima, con sinxelamente instalar nas viñas uns difusores que expanden feromonas e producen a confusión sexual.
A xornada comezará cunha introdución ao proxecto IPMWorks na que se falará da súa aposta pola xestión integrada de pragas. Seguirá cunha explicación ao redor das feromonas usadas para a confusión sexual da avelaíña do acio e outra sobre a conservación de morcegos en ecosistemas vitivinícolas para o control da avelaíña. Despois mostraranse os aspectos prácticos importantes para a instalación de caixas niño nos viñedos e terminarase cunha visita ao viñedo Martín Códax provisto de difusores de feromonas.

Máis de 1.000 insectos nunha hora
Os resultados abalan estas prácticas, tal e como podemos ver no experimento que Enguera Adegas levou a cabo coa Universidade de Valencia entre 2019 e 2021: nun só ano duplicaron a poboación de morcegos nas caixas e comprobaron a súa alimentación a base de fitófagos e pragas agrícolas, como a mosca da oliveira ou a diana do proxecto: a avelaíña do acio. Debemos saber que os morcegos son unha especie moi voraz, que inxere do 80 ao 100% do seu peso cada noite, capaz de depredar máis de 1.000 insectos nunha hora. Grazas ao proxecto IPMWorks poderemos estudar se en Galicia tamén nos podemos valer deste método de control biolóxico de pragas, combinado coas trampas de feromonas que xa utilizan moitos viticultores.
O rexistro é gratuíto e obrigatorio, se queres participar, apúntache aquí!
Este é o segundo evento de demostración que se organiza para o control de pragas seguindo as estratexias de IPM. Aquí podes consultar o primeiro, centrado nas enfermidades fúngicas no viñedo e en como predicilas e previlas a través dunha estación meteorolóxica e un captador de esporas.