Evento de Innovación no Tratamento de Residuos Orgánicos: Compostaxe e Vermicompostaxe 

16/07/2024

En colaboración co proxecto IPMWORKS financiado por Horizonte 2020, FEUGA organiza o último evento de demostración no marco deste proxecto, que está en marcha desde outubro de 2020. O evento terá lugar o 30 de xullo de 12:00 a 14:00 no salón de actos de Bodegas Martín Códax. Durante este encontro, exploraranse as técnicas e beneficios da compostaxe e vermicompostaxe, enfocándose especialmente no bagazo de uva como materia prima.

O evento contará coa participación de expertos clave no campo. Hugo Martínez Cordeiro, Alberto da Silva Sierio e Alejandro Figueroa Rodríguez, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e o Centro de Investigación Marítima da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), guiarán aos asistentes a través de diferentes aspectos do proceso. Martínez Cordeiro explicará as fases e condicións da compostaxe e vermicompostaxe, mentres que da Silva Sierio detallará a obtención e aplicacións do vermicompost, con exemplos prácticos na viticultura. Figueroa Rodríguez presentará mostras reais e resultados visuais, destacando os beneficios ambientais e agronómicos destas prácticas sostibles.

Xestión Integrada de Pragas

A compostaxe e o vermicompostaxe son prácticas fundamentais dentro da Xestión Integrada de Pragas (XIP) en viticultura debido aos seus numerosos beneficios. Estes métodos non só permiten a transformación de residuos orgánicos como o bagazo de uva en recursos útiles, senón que tamén melloran a estrutura e fertilidade do solo. O compost e o vermicompost incrementan a materia orgánica, promoven a actividade microbiolóxica beneficiosa e axudan a manter un equilibrio natural no viñedo, reducindo así a dependencia de fertilizantes químicos e mellorando a resistencia das plantas a enfermidades e pragas. Ademais, ao utilizar estes recursos, minimízase a xeración de residuos agrícolas e contribúese positivamente á sustentabilidade ambiental e económica do sector vitivinícola.

Este evento está vinculado á celebración da Semana do Albariño en Cambados, brindando unha oportunidade para combinar a aprendizaxe sobre prácticas sostibles en viticultura coa celebración dunha das festividades máis importantes da rexión.

Inscrición

A asistencia ao evento é gratuíta e aberta ao público ata completar aforo. Os interesados en participar deben inscribirse enviando un correo electrónico a communication@feuga.es.

Cando: 30 de xullo, de 12:00 a 14:00

Onde: Bodegas Martín Códax – Cambados, Pontevedra

Inscrición: Solicitude a communication@feuga.es