Falamos con Emilio Estévez Martínez, director xeral de COPLANT, empresa que forma parte do noso padroado dende hai máis de 10 anos. COPLANT Galicia é unha comercializadora e plataforma loxística que distribúe planta ornamental dende o Baixo Miño a España e outros países de Europa como Francia, Portugal, Inglaterra, Holanda, Bélxica, Italia, Suíza ou Noruega. A forza da súa loxística permite colocar calquera das súas 1000 referencias vivas en 72 horas en calquera punto de España, e en unha semana en calquera parte de Europa Occidental.
Como froito da colaboración entre FEUGA e esta empresa con sede no Baixo Miño, naceu o proxecto OC PLANT, centrado no desenvolvemento dun sistema que permitise controlar e monitorizar os custos de produción de planta ornamental, e a ferramenta Market&Stock Plants, que tiña como obxectivo planificar stocks futuros de planta ornamental, en función das tendencias que observan no mercado. Ambos desenvolvidos grazas á financiación a través de Proxectos Piloto da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, AGACAL.
COPLANT comezou a súa actividade en 2004. Como valora a súa evolución e a do sector nestes 20 anos?
A evolución é espectacular. COPLANT ten dúas fases; a de apertura foi en 2004, cando se unen os principais viveiros da zona co obxectivo de agrupar a marca e montan unha S.L. para facturar servizos en común; pero realmente a aposta por COPLANT comezou en 2007 cando se decide que sexa unha empresa independente na operativa, contratan persoal externo e, sobre todo, deciden que conveñan os clientes.
En 2007 incorpórome eu como director xeral e a aposta é significativa xa na oferta da vacante buscan un enxeñeiro industrial, non piden un agrónomo, por exemplo. Xa teñen claro que queren facer unha empresa con sesgo en industrialización. É aí cando comezamos un proceso para min moi interesante e cun componente académico tamén. Son profesor no máster de loxística na UVigo, e para min é unha aventura moi bonita montar un sistema de just in time e de lean manufacturing para conseguir que as nosas plantas cheguen aos lugares de Europa e de España no menor tempo posible e coa maior frecuencia de rotación. Estou moi agradecido pola confianza, xa que a maioría das empresas que conforman COPLANT son agrícolas e montar todo isto para eles era ciencia ficción. Grazas á boa vontade de todos, ao final chegamos e nese primeiro ano no que traballamos non só eu, senón o meu equipo, facturamos 2,7 millóns de euros e agora, 15 millóns.
Esa é a evolución non menor que tivemos, grazas precisamente a ese sistema de rotación no que nós somos o just in time máis esixente de España no mundo da planta. Sobre pedido, entregamos en 72 horas en calquera punto de España e na propia semana en calquera punto de Europa Occidental, co que eu chamo a “lei da milionésima”: temos máis de mil referencias e máis de mil clientes, polo que hai unha milionésima posibilidade de que se repita cada liña de pedido. E non somos unha empresa de paquetería; COPLANT vende trailers con carros normalizados de plantas.
A esixencia loxística vén da boa vontade de traballo en todas as fincas do Baixo Miño, da capacidade de xestión de COPLANT e de acordos da Universidade de Vigo, que é onde FEUGA entra. A fundación foi non só a entidade que buscou as subvencións, senón coordinou os proxectos de investigación que nos permitiron todo este just in time documental. Os sistemas documentais son “fillos” de FEUGA, que conseguiron conectarnos coa universidade. Tamén o equipo da fundación coordinou partes dos proxectos. Para min tanto Luis Carbia como Gonzalo Barrio, agora xa desfrutando da súa xubilación, foron persoas determinantes. Estoulles persoalmente moi agradecido pola gran relación que temos e pola axuda. Foron fantásticos profesionais que nos permitiron que nós sexamos capaces de manter un just in time documental nun sector onde os ERPs convencionais non serven. Os nosos produtos crecen; ninguén ten unha caixa de parafusos que á semana seguinte cambie de calibre.
Con esa xestión da información, ser capaz de ter mil referencias vivas, das 3000 referencias que temos, e máis de mil clientes activos todo o ano, pois foi o que nos permitiu ese crecemento tan brutal e que a planta do Baixo Miño estea de moda en toda España e en moitísimas partes de Europa.
Que supuxo para COPLANT poder contar con financiamento á I+D+i?
Para nós, contar con FEUGA non foi un tema nin cuantitativo nin cualitativo; foi un tema de todo ou nada, é dicir, non o teriamos feito. Nós non tiñamos esa sensibilidade. Coñecemos a Gonzalo Barrio e abremonos os ollos dunha posible colaboración e, finalmente, levámola a bo termo. Xa o primeiro proxecto que fixemos foi executado por Luis Carbia. Ambos levan con nós dende o ano 2012, así que unha relación de 13 anos de éxito. Ofrecéronnos participar no Padroado de FEUGA e aceptamos, por suposto.
Que aportou a COPLANT contar cunha colaboración tan próxima con FEUGA, formando parte do padroado da fundación?
FEUGA para nós é clave no campo tecnolóxico. Para min como directivo é importante poder asistir a esas conferencias tan potentes que se ofrecen aos membros do padroado e o networking posterior. Pareceume moi interesante que FEUGA axude a xestionar axudas non tecnolóxicas, un ámbito que creo que se abriu cos nosos proxectos e que é todo un orgullo para COPLANT. FEUGA actúa para nós como unha consultora de subvencións global. A parte de talento da fundación é un éxito total e é un pracer estar implicados.
Teñen previsión de acometer algún outro proxecto no futuro próximo? ¿En que ámbitos debe innovar o sector para ser máis competitivo nun mercado tan global e esixente?
Temos xa aberta unha nova liña de traballo con Innovación e Proxectos Nacionais. Espero que en breve empecemos a traballar coa Escola de Enxeñeiros de Ourense para darlle unha nova volta ao noso sistema de just in time e de lean manufacturing para estar ao tanto das novas tecnoloxías do sector. Estamos xa a traballar en ámbitos como a dixitalización do noso almacén, da venda en liña, novas ferramentas de marketing… Queremos volver a traballar con FEUGA neste proceso de agrupación de diferentes tecnoloxías.
Que lle recomendaría a outras PEMES que están a pensar en dar un salto e buscar novas opcións innovadoras para o seu negocio?
O primeiro é que o directivo de pequena empresa non debe ter medo á tecnoloxía. Non ten que coñecer a tecnoloxía, debe contratar a quen a coñece. Empresas tecnolóxicas en Galicia hai e moi boas, e o empresario pode ter a sorte de contar cunha que lle permita desenvolvementos fantásticos. Pero se non sabe ou non ten a quen contratar, FEUGA ten esa capacidade de conectar, de transmitir coñecemento, e de xuntar ao que coñece e ao que precisa o coñecemento, e iso é algo ultra eficiente. A fundación é unha ferramenta fantástica que ademais che serve no grande e no pequeno. Nós recibimos sempre o mesmo agarimo en proxectos de máis e menos tamaño; non hai que terlle medo á transferencia do coñecemento e da tecnoloxía.