Axudámosche a presentar o teu proxecto Innovapeme e Deseñapeme 2024

19/02/2024

GAIN (Axencia Galega de Innovación) acaba de abrir as convocatorias Innovapeme e Deseñapeme. Tes unha idea innovadora para o teu negocio ou un plan que queiras implementar? Toma nota dos detalles da convocatoria. Axudámosche a presentar o teu proxecto!

1.           Cal é o obxecto das axudas?:

Estas axudas da Axencia Galega de Innovación están dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, e están destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas:

– Liña 1: Deseñapeme; plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

– Liña 2: Innovapeme; plans de innovación en procesos e organización.

En concreto, inclúense nesta convocatoria:

Liña 1-Deseñapeme. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade

•             Concepción e desenvolvemento de produtos, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. Os proxectos que se presenten nesta liña deberán expoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produto.

•             Concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

•             Deseño de marca e identidade corporativa. Este ámbito do deseño ten como obxectivo formular a identidade corporativa e marca das empresas e a súa interrelación cos seus produtos e servizos e do deseño como parte significativa delas.

Liña 2-Innovapeme. Plans de innovación en procesos e organización

Os plans de innovación estarán constituídos por un conxunto completo e coherente de actividades enfocadas a implementar melloras significativas nas funcións empresariais relacionadas coa produción, prestación e distribución de produtos, bens e servizos, así como nos métodos organizativos e prácticas comerciais empregadas pola empresa, e que permitan incrementar a capacidade innovadora dando lugar a diferenzas substanciais, non exclusivamente tecnolóxicas, coas prácticas anteriores.

Actividades de innovación: Servizos externos que preparan ás pemes para innovar a través de asesoramentos e apoios que complementan as súas capacidades internas.

•             Auditoría / consultoría en produto/servizo

•             Estudos de viabilidade técnica e industrial, económica e/o de mercado

•             Protección da propiedade industrial e intelectual

•             Asesoramento para a transferencia de tecnoloxía

•             Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora (incluído selo startups)

•             Asesoramento para a xestión de proxectos colaborativos de I+D+i

•             Asesoramento para o acceso a financiamiento da innovación

Innovación en procesos: Proceso novo ou mellorado para unha ou varias funcións de negocio que difiren significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que se poñen en uso por primeira vez.

•             Métodos de fabricación ou produción de bens ou servizos innovadores

•             Sistemas loxísticos ou métodos de entrega ou distribución industrial

•             Métodos innovadores nas operacións administrativas, contables ou de márketing

•             Innovacións en procesos con beneficios ambientais

•             Testado preindustrial de tecnoloxías facilitadoras

Innovación en organización: Método novo ou mellorado para unha ou varias funcións relativas á organización empresarial e as súas interaccións, que difiren significativamente dos métodos anteriores da empresa e que se poñen en uso por primeira vez.

•             Creación de departamentos / unidades de investigación ou innovación (salvo no caso de que xa se financiou en convocatorias previas ao mesmo beneficiario)

•             Deseño e desenvolvemento de novos procesos de organización

•             Validación, a través de pilotos, de novos métodos ou metodoloxías enfocadas a:

•             Mellora organizacional no negocio ou a organización do traballo

•             Xestión do coñecemento ou a toma de decisións

•             Xestión dos recursos humanos e a responsabilidade social

•             Relacións cara ao exterior (con provedores, clientes, intermediarios…)

Os plans poderán ter unha duración de entre 12 e 18 meses.

2.           A canto orzamento podo optar e que tipo de axuda é?

O 50%, subvención a fondo perdido: entre 25.000 e 75.000€ por plan.

En total, unha peme pode obter ata 150.000€.

3.           Que prazo teño para a presentación do meu proxecto?

Desde o 14/02/2024 e ata o 13/03/2024

Máis información: DOG 31 del 13/2/2024 – RESOLUCIÓN de 29 de diciembre de 2023

Precisas axuda? Contacta co noso equipo de Innovación e Emprendemento.