Inspirar a máis mulleres, dar visibilidade ás que xa están a xogar papeis importantes na economía galega e contar experiencias persoais á hora de emprender ou liderar proxectos. Estes son algúns dos obxectivos de “as nosas”, un evento centrado en dar a coñecer referentes e destacar algúns dos perfís femininos que moven Galicia na actualidade, que terá lugar o 1 de decembro na nosa sede de Santiago de Compostela. A tan só unha semana da súa celebración, xa non quedan prazas libres, mostra do interese que suscitou a iniciativa. Impulsado por Carmen Pumariño e Sandra Castro, e baixo o paraugas de nosday e a asociación Startup Galicia, apoiamos o encontro xunto ao IGAPE, desde a área de Innovación e emprendemento.
Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence, será a encargada de abrir os relatorios, expoñendo o papel dos novos liderados femininos en empresas tractoras galegas. Mar Rodríguez, CEO de NORNNA; Bárbara Román, CEO de NolegalTech e Cristina Vázquez, socia e directora de operacións de Teimas, compartirán unha mesa centrada na perspectiva da muller no traballo moderada por Loreto Peteiro, redactora xefe de Quincemil. Beatriz Legerén, emprendedora e profesora da Universidade de Vigo; Cris Barreiro de DuckDuckGo, Irene Prieto, Senior Product Manager de Ikea e Maruxa Quiroga, CEO de TasteLab & SENSESBIT, serán as protagonistas do espazo dedicado a mulleres referentes. Por último, será a quenda para as novas emprendedoras con Laura Rodríguez, cofundadora e CEO de Humara; Rebeca Calvo, cofundadora e directora de Psicoloxía de Mentiness; Sandra Canda, CEO de Sparelajarse e Beatriz Lorenzo, CEO e socia fundadora de Real Impact.
De entrada gratuíta aínda que xa sen prazas libres, en “as nosas” tamén haberá espazo para o networking nunha comida, que completa o programa dunha xornada que busca tecer alianzas, poñer o foco no traballo de líderes nas súas áreas e que quere chamar a atención das novas xeracións de emprendedoras de Galicia.
- Cando: venres, 1 de decembro.
- Hora: de 12 a 16h.
- Onde: Edificio FEUGA. Santiago de Compostela.
Más información sobre as nosas aquí