
O Grupo Operativo galego Funtrapa, no que participamos, celebrará un webinar en liña o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h. A xornada consistirá en presentar o proxecto de innovación, avances e resultados ata o momento, onde representantes das entidades participantes darán contexto dos traballos que están a realizar para cumprir cos obxectivos propostos.
O Grupo Operativo galego Funtrapa nace en 2022 co obxectivo de reducir o uso de antiparasitarios en suidos e galiñas poñedeiras, favorecendo o mantemento e a transición das explotacións gandeiras a réximes pastoriles. Para iso, preténdese usar fungos saprófitos con acción antagónica demostrada de certos parasitos, illados do chan e das feces de animais de Galicia, como método de control biolóxico co fin de reducir o risco de infección. Con este proxecto búscase brindar ao sector gandeiro a oportunidade de desenvolver unha estratexia nova que axude a paliar un problema que entorpece o desenvolvemento dos réximes pastoriles, contribuíndo ao correcto desenvolvemento dos animais máis novos.
No marco das actividades de divulgación do proxecto, organízase este webinar en liña gratuíto para dar a coñecer, entre os distintos axentes do sector e o público en xeral, os obxectivos e actividades en desenvolvemento no proxecto de innovación. Ademais, cada unha das entidades participantes no Grupo Operativo Galego Funtrapa comentarán o papel que están a levar a cabo no proxecto, así como o impacto positivo que este terá no sector gandeiro.
O webinar contará cos relatorios de representantes das catro entidades galegas que integran o proxecto, no que participamos xunto a Pazo de Vilane, a Asociación Prodeme, e a Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación COPAR.
Reserva a túa praza xa!
- Cando: xoves, 26 de outubro, ás 10:00h.
- Onde: en liña, vía Zoom
- Duración: 10:00h – 12:00 h.
- Inscricións aquí
Funtrapa está financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5% e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
Orzamento total Funtrapa: 180.000,00€ (100% subvencionado)
