Acollemos as xornadas de DemoDay e o InfoDay da VI edición da BFFood

04/10/2023

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), vén de abrir o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da súa VI Edición. O proceso de recepción de candidaturas pechará o 15 de novembro ás 14.00 horas.

Das propostas presentadas a esta convocatoria seleccionaranse ata 16 proxectos innovadores
de emprendemento, tanto nacionais coma internacionais, que dean resposta aos retos da
industria alimentaria galega. BFFood ten impulsado, ao longo das súas cinco edicións previas,
61 proxectos das 288 candidaturas recibidas, tanto desde España coma desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escolleranse ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración e ata seis para o de consolidación.

BFFood está xestionada por un consorcio liderado por Clusaga que, ademais, conta coa nosa
participación xunto coa das tres universidades galegas, AGACA e ANFACO CECOPESCA no seu
comité técnico. A actividade da aceleradora de emprendemento, posta en marcha en 2019,
permitiu a creación de 26 novas compañías e a xeración de 200 empregos cualificados.

Dúas modalidades

As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar a súa
candidatura a unha das dúas modalidades de BFFood.

A modalidade de aceleración, de nove meses de duración, ofrece apoio integral e especializado
no sector alimentario para iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean
desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio, e non
teñan máis de cinco anos de antigüidade.

A modalidade de consolidación, de doce meses de duración, ofrece apoio integral e
especializado no sector alimentario para empresas xa constituídas, cun produto ou servizo
definido e aliñado con algún dos retos do sector, e cuxa antigüidade sexa de máximo sete anos.

Para ambas modalidades, BFFood ofrece coaching, formación especializada, acceso a
infraestructuras científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector,
financiación directa e acceso a inversión, así como a unha rede de networking no ecosistema
de innovación alimentario.

Retos propostos

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos
principais retos plantexados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e
automatización; rastrexabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén está
plantexado un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución
dalgún tipo de innovación ou mellora.

Mentoring e apoio económico

Os proxectos seleccionados na sexta edición de BFFood disporán do apoio económico da Xunta
de Galicia. En concreto, os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha
financiación de 25.000€ a fondo perdido por parte de GAIN, así como a un préstamo participativo
de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia. Os proxectos do programa de
consolidación poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de
capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.

Cada proxecto seleccionado contará cun ou máis mentores específicos, pertencentes a unha
das empresas tractoras de BFFood. Estas ocuparanse de conducir a súa evolución e guialos no
seu desenvolvemento, facilitando o aliñamento da proposta de valor coa resolución do reto.
Nesta VI edición, as empresas mentoras de BFFood son Bodegas Martín Códax, Cafés
Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, Galacteum, Kiwi
Atlántico, ALS Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova,
Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera.

Demoday da IV Edición e Infoday da VI Edición

Para presentar os resultados obtidos polos 13 proxectos impulsados na súa cuarta edición, e
para dar a coñecer os beneficios de participar na sexta edición de BFFood, organizamos xunto a Clusaga o IV Demoday e VI Infoday o vindeiro 10 de outubro na nosa sede de Santiago de Compostela.

O evento, que dará comezo ás 9.30 horas, servirá para recapitular os logros acadados polos
proxectos da IV Edición, afondar nas oportunidades que supón ser parte da VI Edición, facer
networking e abordar desde distintas perspectivas a innovación, o emprendemento e os futuros
retos do sector alimentario.

¡Reserva xa a túa praza!

  • Cando: 10 de outubro
  • Hora: ás 10h.
  • Onde: Edificio FEUGA. Santiago de Compostela (Campus Vida)
  • Consulta o programa aquí
  • Inscríbete aquí