Descobre os beneficios das cubertas vexetais no viñedo no noso evento conxunto con IPMWORKS

17/07/2023

Unha vez máis colaboramos co proxecto europeo H2020 IPMworks para presentar un novo evento de demostración que abordará as cubertas vexetais e a importancia de manter unha diversidade biolóxica rica no viñedo. Baixo o nome Cubertas vexetais e diversidade biolóxica, este encontro terá lugar o 27 de xullo ás 10:00h no Viñedo San Cibrao das Adegas Viña Costeira, cunha duración de 2 horas.

A xornada, que organizamos conxuntamente con IPMworks, e coa colaboración de Syngenta e Adegas Viña Costeira, centrarase en destacar os múltiples beneficios que as cubertas vexetais e a diversidade biolóxica achegan ao viñedo. Os viticultores galegos terán a oportunidade de aprender como estas prácticas melloran a calidade do chan a través da función protectora, a materia orgánica presente nas cubertas, a actividade biolóxica e o ciclo dos nutrientes. 

Durante o evento, explicarase o papel protector que as cubertas vexetais desempeñan no chan vitivinícola fronte á erosión e a escorrentía, responsables de perda de terreo fértil valioso. Ademais, estas cubertas cumpren outras funcións atractivas para o cultivo da vide, entre as que se atopan:

  • Axudar a unha mellor termorregulación do terreo. 
  • Minimizar a perda de auga por evaporación. 
  • Facilitar certos labores agrícolas, como o paso de maquinaria que se fai especialmente complicado en condicións de choiva con chan espido. 
  • Evitar compactación, pois as raíces da cuberta vexetal melloran a infiltración da auga e, polo tanto, a dispoñibilidade para o cultivo en capas máis profundas do chan. 
  • Reducir os custos de mantemento do chan.


Os asistentes tamén recibirán información sobre as cubertas vexetais máis adecuadas para lograr estes obxectivos e como inflúe cada unha na diversidade biolóxica e o equilibrio entre pragas e depredadores. Podes consultar o programa completo aquí.

A xornada contará coa participación dos relatores Carlos Alberte, Director de Viticultura en Viña Costeira, e Luís Miranda, responsable de Agricultura Sostible en Syngenta España. A súa experiencia e coñecemento no ámbito da viticultura e a sustentabilidade enriquecerán o evento e proporcionarán información valiosa aos asistentes, que terán a oportunidade de intervir nunha quenda de debate ao final do acto.

O encontro está dirixido aos agricultores do Hub de viticultura que lideramos dentro do proxecto IPMworks, así como aos achegados á Adega Viña Costeira e todo aquel que queira aprender sobre os beneficios das cubertas vexetais na viña. Os participantes poderán aplicar os coñecementos adquiridos nesta xornada directamente nos seus propios terreos, mellorando as súas prácticas agrícolas e promovendo unha viticultura máis sostible.

A asistencia ao evento é gratuíta. Aqueles interesados en participar e que non formen parte do HUB nin da adega, deben enviar unha solicitude de asistencia por correo electrónico a communication@feuga.es antes do 27 de xullo. Inscríbeche agora e se parte do cambio cara a unha viticultura máis sostible e produtiva!