A xornada celebrarase de maneira online o vindeiro martes 21 de xuño, ás 10h, e a asistencia é de balde, previa inscrición.
Aprobado no 2021 cun presuposto de máis de 180.000 euros, BIOPROINSECT é un proxecto piloto de ámbito galego cuxo obxectivo é a obtención de novos produtos de alto valor engadido a partir do bioprocesamento do verme da fariña (T. Molitor).
O verme da fariña foi valorado positivamente pola EFSA (Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, polas súas siglas en inglés) como novo alimento, o que marca o punto de inicio dunha revolución no sector alimentario. Cun contido do 50% en proteínas e un mínimo impacto medioambiental na súa produción, o sector está apostando polos insectos para facer fronte á demanda de alimentos de alto valor engadido. Sen embargo, a proteína dos insectos está unida á quitina, un compoñente estrutural que limita a súa dixestibilidade.
Co desenvolvemento dun innovador e altamente eficiente proceso enzimático, BIOPROINSECT busca separar a quitina do insecto, de tal forma que se obteñan, por separado, proteínas de alto valor nutricional, derivados da quitina e ácidos graxos.
Nesta xornada, representantes das empresas participantes (Galinsect, o grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo e FEUGA), explicarán en detalle como se está a desenvolver este novidoso proceso enzimático e a viabilidade e potencial da iniciativa. Unha iniciativa pioneira que busca situar a Galicia na vangarda da innovación no sector agroalimentario.
- Cando: martes, 21 de xuño, ás 10h.
- Onde: webinar online, vía Teams.
- Duración: 1h 15min.
- Inscricións de balde: https://forms.gle/Y4CutYARBu6jXN8L7
- Enviarase link de acceso.
BIOPROINSECT está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Presuposto total: 181.468,56€; subvención total: 145.174,85€.
A Consellería de Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.