FEUGA organiza o primeiro evento de demostración de IPMWorks centrado nas enfermidades fúngicas do viñedo

02/03/2022

O 1 de abril ás 18:00 h, no marco do proxecto IPMWorks, FEUGA celebra o primeiro evento de demostración que responderá á pregunta “Como predicir enfermidades fúnxicas no viñedo?”. Terá lugar no Viñedo de San Cibrao, de Viña Costeira, en Ribadavia, e durará unha hora e media.  Débora Franco, Directora Xeral de Monet Viticultura, será a encargada de explicar sobre o terreo aos participantes as diferentes solucións innovadoras que poden utilizar para a predición de enfermidades fúnXicas no viñedo, a través da innovación no manexo de enfermidades fúnxicas de maior incidencia (mildiu, oídio e botritis).

O viñedo que se visitará durante o evento conta cunha estación meteorolóxica e un captador de esporas, ferramentas que facilitan a información necesaria para establecer un modelo de predición que permita redcir o número de tratamentos químicos fitosanitarios, que redundará nunha optimización do cultivo integral e sostible da vide.

A xornada abordará os beneficios do uso dun sistema de apoio á toma de decisións que permita coñecer o risco de enfermidade no viñedo. Todo aliñado cos criterios de IPM: prevención, control non químico, mellores prácticas para optimizar a eficacia dos praguicidas, baixa dependencia dos praguicidas cun mellor control das pragas, redución dos custos e maior rendibilidade.

Con esta xornada, preténdense obxectivos como reducir a incerteza propia da agricultura en canto a pragas, optimizar o uso de fitosanitarios utilizándoos só nos casos de risco real, previr a enfermidade, reducir a diminución da colleita cando esta aparece e xustificar a aplicación de fitosanitarios fronte á Administración Pública. Tamén se buscará identificar as condicións meteorolóxicas que inflúen en maior medida a crear un escenario propicio para a infección e a presenza de esporas que poida avisar dun risco de infección. En definitiva, búscase aforrar custos de explotación, reducir o residuo químico e ser máis sostibles no cultivo da vide.

Para facilitar a asistencia, un autobús con prazas limitadas trasladará aos participantes interesados desde Adegas Martín Códax en Cambados ata o lugar de celebración do evento. A ida será ás 16:15 h, con volta ao terminar o evento, 19.30 h. Quen estea interesado en participar pode escribir a communication@feuga.es solicitando o seu asento.

O proxecto  IPMWorks

IPMWORKS, traducido como ‘A Xestión Integrada de Pragas Funciona’, ten como obxectivo fomentar o uso de técnicas alternativas aos praguicidas químicos en agricultura, a través de demostracións na práctica e divulgación de resultados. No marco do proxecto, FEUGA dinamizará un HUB de viticultura en Galicia, que conta coa implicación de Adegas Martín Códax e Viña Costeira.

O proxecto, no que participan 31 entidades de 16 países diferentes, ten por obxectivo a creación dunha rede agrícola europea de promoción e demostración de estratexias de manexo integrado de pragas. Co propósito de impulsar o intercambio de coñecemento, IPMWORKS unirá redes europeas xa existentes con novas agrupacións de agricultores interesados en aplicar novas técnicas para a xestión integrada de pragas.

Así, en Galicia, promovido por FEUGA e coa participación das citadas adegas, poñeranse en marcha demostracións agrícolas e actividades de capacitación para dar visibilidade a estas prácticas e fomentar a aprendizaxe entre pares.

O proxecto, en marcha desde outubro de 2020, foi aprobado no marco do programa de innovación Horizonte 2020 cun orzamento de 6 millóns de euros. Ata o 30 de setembro de 2024 as diferentes entidades involucradas, lideradas polo Instituto Nacional para a Investigación Agronómica de Francia (INRAE), traballarán co obxectivo final de aumentar a eficiencia na produción dos cultivos e facer fronte ao cambio climático.