O vídeo do webinar final de VITICAST, dispoñible no canal de YouTube de FEUGA

09/09/2021

Coa celebración do webinar final do proxecto o pasado luns 6 de setembro, con máis de 640 inscritos, o grupo operativo VITICAST, do que FEUGA é membro, puxo o broche final ás actividades de divulgación. O proxecto de innovación, iniciado no 2019, está próximo a finalizar, polo que o webinar foi o escaparate perfecto no que dar a coñecer os resultados acadados ao longo destes dous anos.

VITICAST xurdiu co obxectivo de aumentar a sostibilidade do sector vitivinícola, mellorando a calidade do viño e reducindo os costes de produción, a través da innovación no manexo das enfermidades fúnxicas de maior incidencia. Desenvolveuse unha ferramenta de predición de enfermidades fúnxicas que combina parámetros meteorolóxicos, fenolóxicos e de concentración de esporas.

Os numerosos asistentes ao webinar (tanto nacionais como internacionais, grazas á tradución simultánea ao inglés ca que contou o evento) puideron coñecer, da man de representantes de cada unha das entidades que integran o consorcio VITICAST, todos os aspectos técnicos e aplicativos dos traballos realizados no marco do proxecto. Ademais, presentáronse os principais resultados obtidos e o potencial impacto da ferramenta desenvolvida por VITICAST no sector.

FEUGA, como entidade responsable das actividades de divulgación do proxecto, publicou a través da súa canle de YouTube o vídeo da gravación do webinar final divulgativo de VITICAST. O vídeo está dispoñible no seguinte enlace:

O grupo operativo VITICAST está integrado, ademais de por FEUGA, por Monet Viticultura, a Universidade de Vigo (UVigo), a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA, Deputación de Pontevedra) e as adegas Viña Costeira, Matarromera e Hacienda Monasterio. Por outra banda, o proxecto conta ca colaboración da Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro (ACER) e a Asociación Galega de Viticultura (AGV). Por último, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) actúa como entidade subcontratada.

Para máis información sobre o proxecto de innovación: www.viticast.es

VITICAST é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 615.249,08€. Subvención total: 599.957,08€.

FEUGA é a entidade responsable do presente contido.